Sunday 05 de May de 2024

As mostras de experiencias centran a última fase do Laboratorio de Emprendemento Social e Solidario


Tras a de hoxe, as iniciativas continuarán no mes de xuño e poderán verse en directo a través de YouTube

Tres mostras de experiencias porán o punto final á primeira experiencia do Laboratorio de emprendemento social e solidario de Carballo. Hoxe tivo lugar a primeira, na que se viron exemplos de finanzas éticas como fórmulas de financiamento de proxectos sociais. As seguintes serán os días 13 e 27 de xuño, centradas no ámbito do consumo e nos ámbitos dos coidados, respectivamente. Ademais de poder participar de maneira presencial no Fórum Carballo, estas tres experiencias tamén son retransmitidas en streaming a través da canle de YouTube de REAS Galicia.

O emprendemento baixo os principios e o modelo da economía social e solidaria, tendo en conta a sustentabilidade ambiental, a defensa da equidade nas relacións económicas, a busca da cooperación, a ausencia de ánimo de lucro e o compromiso coa contorna son os sólidos piares que sustentan o Laboratorio de emprendemento social e solidario, unha iniciativa pioneira que nace da colaboración entre o Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica, e Reas Galicia, a rede de redes de economía alternativa e solidaria.

Esta primeira experiencia, que arrincou o 18 de abril, incluíu tres tipos de actividades: obradoiros de innovación baseados nos retos e necesidades do territorio, formación sobre economía social e redes nas que apoiarse a través de talleres e divulgación de experiencias de economía social inspiradoras.